Gobierno de España. Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones. Secretaría de Estado de la Seguridad Social y Pensiones - Dirección General de Ordenación de la Seguridad Social
Administración Presupuestaria

Requisitos económicos

Para ter dereito aos anticipos, os recursos económicos da unidade familiar na que se integra o menor non poderán superar o límite de ingresos resultante de multiplicar a contía anual do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), vixente no momento da solicitude do anticipo, polo coeficiente que corresponda en función do número de fillos menores que integren a unidade familiar.

Ese coeficiente será 1,5 se só houbese un fillo, e incrementará en 0,25 por cada fillo, do seguinte xeito:

1 fillo: 1,5 x IPREM (vixente na solicitude do anticipo)

2 fillos: 1,75 x IPREM

3 fillos: 2 x IPREM

4 fillos: 2,25 x IPREM

5 e así sucesivamente

Durante 2023 o valor anual do IPREM é de:

  • desde 1-1-2023: 7.200,00 euros

Computaranse como rendas e ingresos da unidade familiar:

  • Os rendementos de traballo de todos os membros da unidade familiar; é dicir, as retribucións en diñeiro ou especie derivadas do traballo, as prestacións recoñecidas polos réximes de previsión social –xa se financien con cargo a recursos públicos ou privados- e os demais rendementos cualificados como do traballo pola Lei do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).
  • Os rendementos do capital, en diñeiro ou especie, que proveñan de bens ou dereitos cuxa titularidade corresponda a algún dos membros da unidade familiar e non se atopen afectos ao exercicio de actividades económicas.
  • Os rendementos derivados de actividades económicas, computados na forma prevista pola Lei do IRPF.
  • O saldo neto das ganancias e perdas patrimoniais dos membros da unidade familiar.

Para o cómputo anual dos ingresos da unidade familiar teranse en conta aqueles de que dispoña ou se prevexa que vai dispoñer no ano natural no que se solicita o anticipo, sempre polo seu importe íntegro.

O límite de recursos económicos entenderase acreditado mediante a declaración de rendas da unidade familiar que realice o solicitante, sen prexuízo das comprobacións que se realicen polo órgano competente.

Para os efectos destes anticipos, enténdese por "unidade familiar" exclusivamente a formada polo pai ou a nai e aqueles fillos menores de idade, titulares dun dereito de alimentos xudicialmente recoñecido e non pagado, que se atopen ao seu cargo; así como a formada polos menores e a persoa física, distinta dos pais, que os teña ao seu cargo por ter atribuída a súa garda e custodia.