Gobierno de España. Ministerio de Hacienda. Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos - Dirección General de Costes de Personal
Sello Excelencia EVAM 200-299, año 2018
Clases Pasivas

Incompatibilidades

 
  • Entre Pensións
  • Co traballo activo

• Entre Pensións

Resulta incompatible a percepción simultánea:

  1. De máis de tres pensións ordinarias de Clases Pasivas -xubilación, viuvez, orfandade ou en favor de pais– causadas por diferente persoa.
  2. De dúas ou máis pensións ordinarias de Clases Pasivas causadas no seu favor ou no dos seus familiares pola mesma persoa.
  3. Das pensións extraordinarias de Clases Pasivas coas ordinarias que poidan solicita-los seus beneficiarios con fundamento nos mesmos feitos causantes.
  4. Das pensións extraordinarias por actos de terrorismo coas que polos mesmos feitos, prescindindo da súa motivación terrorista, puideran corresponder no Réxime de Clases Pasivas do Estado. Ademais, tamén son incompatibles con aqueloutras de carácter extraordinario que, pola mesma causa, poidan recoñecerse en calquera réxime público básico de protección social.
  5. Das pensións que unha mesma persoa causase ou puidese causar en máis dun réxime público de Seguridade Social, se para acreditar o cumprimento do período mínimo de cotización esixido para ter dereito, ou a determinación da porcentaxe aplicable para calcular a súa contía, ou ambas as dúas cousas, en calquera das pensións se tivesen en conta as cotizacións computadas doutro réxime ou, se é o caso, no de clases pasivas como servizos previos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Nos casos en que asista a unha persoa dereito ó cobro de máis dunha pensión de Clases Pasivas incompatibles na súa percepción, poderá exercer un dereito de opción polo cobro da pensión que estime máis conveniente, sen que este dereito poida exercitarse máis dunha vez.

• Co traballo activo

A) Pensións de xubilación ou retiro voluntaria, forzosa, por incapacidade ou inutilidade permanente para o servizo)

- Pensións de xubilación ou retiro causadas antes do 1 de xaneiro de 2009,

A percepción das pensións de xubilación ou retiro é incompatible co desempeño polo seu titular dun posto de traballo no sector público.

Cando en tales pensións se totalizasen períodos de cotización correspondentes a un Réxime do Sistema da Seguridade Social – por aplicación do cómputo recíproco de cotizacións entre réximes de Seguridade Social- a mesma tamén será incompatible co traballo, por conta propia ou allea, no sector privado.

En ámbolos dous supostos, a percepción da pensión suspenderase, por meses completos, durante o tempo que desempeñe o dito posto de traballo, sen que isto afecte ó recoñecemento das actualizacións que correspondan, logo da rehabilitación do pagamento da pensión.

- Pensións de xubilación ou retiro causadas a partir do 1 de xaneiro de 2009,,

As pensións de xubilación ou retiro serán incompatibles co desempeño dun posto de traballo ou alto cargo no sector público por parte dos seus titulares, entendido este de conformidade co disposto no parágrafo 2 do apartado 1 do artigo 1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e aplicándose, para este efecto, as excepcións previstas na disposición adicional novena da devandita lei e, no caso de que non se perciban retribucións periódicas polo desempeño de cargos electivos como membros das asembleas lexislativas das comunidades autónomas ou das corporacións locais, as previstas no artigo 5 desta.

Ademais da incompatibidad co desempeño dun posto de traballo no sector público, a percepción destas pensións, será incompatible co exercicio dunha actividade por conta propia ou allea que dea lugar á inclusión do seu titular en calquera réxime público de Seguridade Social.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, o cobramento das pensións de xubilación ou retiro de carácter forzoso por cumprir a idade legalmente sinalada para cada caso, será compatible co exercicio dunha actividade, por conta propia ou allea, que dea lugar á inclusión do seu titular en calquera réxime público de Seguridade Social, nos seguintes termos:

 

a) A idade de acceso á pensión de xubilación ou retiro debe ser, polo menos, a establecida como idade de xubilación forzosa para o correspondente colectivo de funcionarios públicos

b) A porcentaxe aplicable ao haber regulador para os efectos de determinar a contía da pensión debe ser do cen por cento.

No caso de desempeñar unha actividade compatible, a contía da pensión será equivalente ao cincuenta por cento do importe resultante no recoñecemento inicial, unha vez aplicado, se procede, o límite máximo de pensión pública, ou o que o pensionista estea percibindo na data de inicio da actividade, excluído, en todo caso, o complemento por mínimos, que non se poderá percibir durante o tempo en que se compatibilice pensión e actividade.

A pensión revalorizarase na súa integridade, nos termos establecidos para as pensións do Réxime de Clases Pasivas. Non obstante, en tanto se desempeñe o traballo compatible, o importe da pensión máis as revalorizacións acumuladas reducirase nun cincuenta por cento.

Non obstante, nos supostos de pensións de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, cando o interesado non estea incapacitado para toda profesión ou oficio, poderase compatibilizar a percepción da pensión co desempeño desa actividade sempre que sexa distinta á que viña realizando ao servizo do Estado. Neste caso, e mentres dure esa situación, o importe da pensión recoñecida reducirase ao 75% da correspondente contía, de acreditarse máis de 20 anos de servizos efectivos ao Estado; ou ao 55% se o interesado cubrise menos de 20 anos de servizos no momento da súa xubilación ou retiro.

A percepción das pensións afectadas polas incompatibilidades sinaladas anteriormente quedará en suspenso por meses completos, desde o día primeiro do mes seguinte ao inicio da actividade que determina a incompatibilidade ata o último día do mes en que se finalice, sen que iso afecte aos incrementos que deban experimentar tales pensións; se a actividade incompatible se inicia o primeiro dun mes a suspensión do abonamento procederá desde o día primeiro do mes en que se realice a actividade incompatible.

B) Pensións de viuvez

A pensión de viuvez é compatible coa percepción de rendas de traballo, por conta propia e allea.

C) Pensións de orfandade

A pensión de orfandade extínguese, con carácter xeral, polo cumprimento dos 21 anos de idade. Non obstante, a pensión é vitalicia se o orfo se atopa incapacitado para todo traballo desde antes do falecemento do causante ou do cumprimento dos 21 anos de idade. En determinados supostos de pensións recoñecidas en aplicación da lexislación xeral de Clases Pasivas vixente a 31 de decembro de 1984, existe a posibilidade de pensións de orfandade con carácter vitalicio.

Non obstante, a partir do 1/1/2013 non se efectuarán novos recoñecementos de pensión a favor de orfos maiores de 21 anos non incapacitados, ao amparo da lexislación de clases pasivas vixente o 31 de decembro de 1984, nin da lexislación de guerra, con excepción das pensións extraordinarias por actos de terrorismo.

O orfo pode ser beneficiario da pensión ata que cumpra 24 anos se non sobrevivise ningún dos pais ou presentase unha discapacidade igual ou superior ao 33% sempre que, en cómputo anual, as súas rendas de traballo (no sector privado) non superen o salario mínimo interprofesional. Para tales efectos é necesario solicitar expresamente a prórroga no percibo da pensión na Unidade de Clases Pasivas do lugar de residencia do beneficiario.

Nos supostos de orfandade absoluta (orfo de pai e nai) ou de discapacidade igual ou superior ao 33%, a pensión extinguirase cando o titular cumpra os 24 anos de idade, agás que estivese cursando estudos, manténdose nestes supostos a percepción da pensión ata o primeiro mes, inclusive, do seguinte curso académico.

En todo caso a pensión de orfandade é incompatible co traballo no sector público. Se esa pensión foi recoñecida ao abeiro da lexislación antiga de Clases Pasivas tamén será incompatible con calquera actividade laboral que dea lugar á súa inclusión nun réxime público de Seguridade Social.

As pensións de orfandade de clases pasivas, recoñecidas a favor de orfos maiores de 21 anos non incapacitados, ao amparo da lexislación xeral de clases pasivas vixente o 31 de decembro de 1984 e da lexislación especial derivada da guerra civil, decláranse incompatibles coa percepción de rendas ou ingresos substitutivos do salario, e entenderase por tales a prestación e o subsidio por desemprego.

Antes do 1 de marzo de 2013, os que estivesen compatibilizando a percepción da pensión con tales prestacións, tanto se optan por unha ou por outra. No suposto de que non o fagan, daráselles de baixa na percepción da pensión de orfandade.